Tuesday 21 de May de 2024

Fene mellorará a rede de abastecemento na Rúa Travesa e Camiño Inferniño


A licitación da actuación, con cargo ao POS+2023, atópase en proceso de avaliación das ofertas presentadas.

O proxecto contempla un prazo de execución de tres meses.

A Xunta de Goberno Local do Concello de Fene aprobou o pasado 11 de abril o expediente de contratación da obra de mellora da rede de abastecemento na Rúa Travesa e Camiño Inferniño. Logo da súa publicación na Plataforma de Contratación Pública, a actuación atópase agora en proceso de avaliación das ofertas presentadas.

Os traballos previstos no proxecto contemplan a escavación e substitución da rede de abastecemento nun treito da Rúa Travesa e do Camiño Inferniño, coa instalación de tubaxe de polietileno de alta densidade de 125 mm de diámetro interior, e a reconexión domiciliaria pertencente á rede municipal. Tras as obras, reporase o firme e a sinalización viaria horizontal.

O alcalde de Fene, Juventino Trigo, destacou a urxencia destas actuacións, ao ter quedado a infraestrutura obsoleta. “Neste treito estaban a alimentarse as vivendas cunha tubaxe de 100 mm de diámetro, o que viña supondo unha limitación que quedará superada coa nova tubaxe de 125 mm” sinalou o rexedor fenés.

Trigo apuntou tamén que “a rede de abastecemento de Fene dispón aínda -coma neste caso- dalgúns treitos con colectores de fibrocemento que estamos a substituír de maneira paulatina”.

Pola súa banda, o concelleiro de obras, Manuel Polo, adiantou que “toda vez que remate o proceso de licitación, a empresa adxudicataria terá un prazo de 3 meses para a súa execución”.

Cun importe total de 66,077.61 €, a execución deste proxecto financiarase con cargo ao Plan de Obras e Servizos (POS+2023) da Deputación da Coruña.